5 anos despois do seu lanzamento a bordo dunha nave Soyuz dende a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia, o Lume-1 reentrou este mércores 13 de febreiro na atmosfera. O satélite da Universidade de VIgo do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais completou máis de 28.700 órbitas arredor da Terra e percorreu unha distancia de 1.300 millóns de quilómetros.
Lanzado en decembro de 2018, un dos obxectivos principais do Lume-1 era validar o sistema de comunicacións Sensor-Terra-Centro de Control–UAV a través do internet das cousas: “validáronse con éxito non só todas as comunicacións, senón que se incorporaron novas aplicacións non previstas, por exemplo, a cooperación entre a UVigo e a Universidade Noruega NTNU usando as medicións do Lume-1.
Dos catro nanosatélites da UVigo deseñados por investigadores da institución (Xatcobeo, Serpens, Humsat-D e Lume-1), aínda queda en órbita o Humsat-D, que se lanzou en 2013.
O 5º satélite da ‘constelación’ da UVigo chegará previsiblemente en 2027 para o que están a desenvolver comunicacións láser de alta velocidade.
Un test para o sistema de comunicacións baseado en SDR
O satélite Lume-1 incorpora o innovador sistema de comunicacións baseado no SDR ou radio definida por software, que permite actualizar o sistema de comunicacións abordo durante a misión. A experiencia foi un éxito, xa que como destaca o catedrático Fernando Aguado, “puidemos realizar investigacións moito máis avanzadas das que se incluíran para a primeira fase da misión”. Realizáronse análises de fontes de interferencias de radio arredor de todo o planeta, ensaios de comunicacións e adquisición de datos de posicionamento de aeronaves, entre outros. Ademais, “este sistema punteiro” comercialízase en multitude de misións a nivel mundial”.
Obxectivos
Un dos obxectivos desta misión era probar a eficacia do satélite Lume-1 na loita contra os incendios forestais. As probas mediante lumes reais permitiron “comprobar o funcionamento do satélite de comunicacións e dos sensores en terra desenvolvidos para detectar lume”. A UVigo axudou tanto na análise dos lumes forestais como na axuda á pilotaxe nocturna de drons para o control e extinción de incendios.
O 5º satélite da UVigo, para 2027
O grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais está traballando en numerosos proxectos coa Axencia Espacial Europea en diferentes áreas como omunicacións por satélite, aplicación de intelixencia artificial ou proxectos de exploración da Lúa. Outro exemplo é o das comunicacións or satélite usando comunicacións láser de alta velocidade.