ENORME BURATO NO SOL

Nestes primeiros días de decembro, un enorme burato coronal no sol está lanzando unha gran cantidade de vento solar cara a Terra. Segundo o Observatorio de Dinámica Solar (SDO), espérase que impacte na Terra durante o mediodía do luns 4. O físico solar Alex Young, que traballa na NASA, prognostica que se producirá unha tormenta xeomagnética G2, é dicir, de actividade moderada. O fenómeno prolongarase ata o martes, 5 de decembro, cando se agardan tormentas G1 e, polo tanto, de menos intensidade. Toda esta actividade solar, provocada por un gran burato na súa atmosfera, pode traducirse en auroras boreais de cara aos vindeiros días.

No vídeo publicado polo SDO pódese ver o enorme burato coronal de miles de quilómetros. Esta observación é posible grazas a unha nave semiautónoma orientada cara ao Sol que permite estudar a nosa estrela. Enmárcase no SDO, un programa deseñado para comprender as causas da variabilidade solar e dos seus impactos na Terra. Desde modo, o observatorio lanzado en 2010, trata de entender como se xera e se estrutura o campo magnético do Sol e como a enerxía magnética almacenada se converte e se libera en forma de vento solar que impacta na Terra provocando tormentas xeomagnéticas. Gciencia.

Deixa un comentario