NIN A ESPAÑOLA PERO SI A FRANCESA A TRAVÉS DA TDT
Nas localidades da Mariña como en Foz a televisión TDT non se ve ben ou simplemente sae pixelizada nestes últimos días. Pero non só iso, senón que ao longo da costa norte da península estanse a recibir canles de televisión francesas.
Hai dúas razóns que poden explicar o que está a suceder.
Por un lado as altas temperaturas provocan unha maior evaporación e condensación da auga do mar nas zonas da costa e as partículas de auga evaporadas fan que o sinal da TDT se propague a distancias máis distantes, o que fai que existan cambios no nivel de propagación o que provoca a pixelación da imaxe. Pero é que ademais pódese chegar a recibir distintos repetidores de televisión o que provoca a pixelación da imaxe e a perda de recepción.
Isto non só sucede en Galiza, senón, como dixemos, no norte da península ou mesmo nas costas do Mediterráneo cos sinais de televisión italianas ou marroquís.
Pero temos unha segunda explicación que potencia á primeira: e para iso temos que pasar a falar do sol. O sol, a través das súas manchas solares, transmite radiación que ioniza a atmosfera (fai que os átomos dos gases perdan electróns que circulan pola atmosfera). Isto provoca que os sinais de radio sexan capaces de reflectirse e refractarse chegando a lugares onde habitualmente non chegan.
Pois ben, o sol está chegando ao seu máximo de actividade no seu ciclo de 11 anos. A este fenómeno podemos chamarlle superpropagación. As persoas radioafeccionadas saben moi ben deste fenómeno podendo chegar a falar con calquera esquina do planeta Terra a través dos seus equipos de radio.