Hai todo tipo de estacións de radio de onda curta no mundo, pero WBCQ parece única. Situada en Monticello, Maine, ao norleste de Estados Unidos de América, a WBCQ é unha estación de onda curta de ata 500.000 vatios que cobre o mundo a través de 7,490 MHz, 9,330 MHz, 5,130 MHz, 3,265 MHz e 6,160 MHz, dependendo da hora do día, para maximizar a propagación do sinal rebotando na ionosfera. Aquí en Galiza pódese recibir moi ben en varias das súas frecuencias
O centro de transmisión está no rural e alberga emisoras locais como WXME (AM), que emite música rock comentada en 780 kHz cun reemisor en 98,3 MHz, e WBCQ (FM), que emite clásicos do país nos 94,7 MHz. A WBCQ é probablemente a única estación de radio de onda curta, de AM e de FM simultaneamente dos Estados Unidos”.
O conxunto das súas antenas é impresionante.
“Pagar para emitir”
Un dos grandes desafíos para a radio comercial de onda curta foi a falta de medicións significativas da audiencia. Os oíntes de radio de onda curta están espallados polo mundo. Isto fai que sexa pouco práctico desde un punto de vista económico compilar valoracións de audiencia que se poidan usar para vender publicidade.
Así pois a WBCQ e outras estacións comerciais de onda curta gañan a vida vendendo tempo de antena en bloque a produtores de programas de terceiros. É por iso que a maioría do contido de WBCQ baséase na idea de “pagar por emitir”. É o único modelo de negocio viable capaz de manter estas estacións a flote, alugar o tempo de antena a programadores que queren ter no aire os seus programas. Os contidos dos programas son moi variados e, digamos que, eclécticos, xa que non hai ningún tipo de censura (quen paga emite).
Unha antena xenial
Para transmitir nunha gama de frecuencias en todo o mundo, a maioría das estacións de onda curta dependen unicamente de moreas de antenas de fío extremadamente longas, dispostas en patróns horizontais e verticais. WBCQ usa este tipo de antenas, pero tamén ten unha antena xiratoria que se pode orientar cara a calquera parte do mundo cara á que o WBCQ estea transmitindo. É realmente moi chula.
Con estas antenas accédese a todas as bandas de onda curta entre 6 MHz e 26 MHz. Con 500 kW e cun ERP (potencia radiada efectiva) de 20 MW, é unha das estacións de onda curta máis potentes dos Estados Unidos.
Esta antena é unha marabilla de enxeñería mecánica e electrónica, que usa un transmisor de 500 kW relativamente novo que emite principalmente en 9,33 MHz.
Hai partes da WBCQ construídas anos antes con equipos máis antigos, pero son moi fiables e reparables. A mestura de tecnoloxía nova e vella vese nas distintas instalacións desta estación. Manteñen moitas consolas, tocadiscos e gravadores de equipos máis antigos,…. para cando chegue o gran pulso EMP dunha guerra nuclear e poidamos estar no aire. Agora en serio, a verdade é que moitos dos seus enxeñeiros están semixubilados e gústalles manter estes equipos.
Allen e Angela, propietarios da estación ao pé do emisor nº 2
Mirando cara adiante
Nos últimos anos as emisoras sen ánimo de lucro como a BBC World Service e a Voice of America reduciron substancialmente as súas emisións de onda curta por razóns económicas e de redución de audiencia. Pero para a WBCQ este modelo de negocio que teñen é rendible. Reciben consultas todos os días polos prezos de tempo de emisión en onda curta e teñen grandes ofertas para alugar máis tempo de antena e máis transmisores cada día.
É algo triste, pero certo: sempre que hai un desastre no mundo, a xente sempre agarra esa radio de onda curta, igual que unha radio AM. Pensan dende esta estación que hai futuro para a onda curta porque é fácil de acceder, é barato e non hai que tratar con Google nin con ninguén. Só tes un receptor, sacas a antena e comezas a sintonizar.