RADIO EN MOMENTOS DE EMERXENCIA


A redor do 70% das persoas escoitaron a radio nalgún momento o luns pasado, 28 de abril, durante a caída e desaparición da corrente eléctrica. Habitualmente o 50% faino a diario. Ademais a inmensa maioría das persoas considera a radio o medio máis importante nestas circunstancias.

O aumento do número de oíntes da radio veu dado pola necesidade de ter información do que estaba a suceder, faise dende case calquera lugar e dun xeito doado: só é necesario un receptor e unhas pilas ou baterías.

A audiencia da radio nas bandas coñecidas como AM e FM (300 e 3 m.) vai diminuíndo pouco a pouco sendo substituída por outros medios segundo estes datos.

Audiencia dos medios (Estudo Xeral de Medios)


En relación a outro tipo de radio e ás emerxencias hai que engadir que ese mesmo día uns 50 radioafeccionados voluntarios da Rede Nacional de Emerxencia (REMER) estiveron a dar apoio a través dos seus equipos, incluíndo repetidores en VHF, á Garda Civil (que xa non usa a radio) e permitir a comunicación con 21 cuarteis e postos como o de Peinador e o 112. Foi a primeira vez que tivo que activarse segundo o delegado do goberno. Bombeiros, protección civil, aviación, mantemento de estradas, etc son algunhas entidades que aínda usan a radio no seu traballo.

Hai que lembrar tamén como durante a pandemia escolares do colexio de Baralla nos Ancares puideron comunicarse para tarefas escolares entre si con walkies e un repetidor a pesares do illamento social. Iso si, o problema non fora a falla de electricidade senón a cobertura de internet.

Indo máis aló, neste ano no que estamos péchase a emisión da BBC Radio 4 na onda longa ao tempo que outras emisoras van deixando de emitir na coñecida onda curta. Cabe reflexionar sobre o uso ou abandono das emisións nestas frecuencias pensando na radiodifusión no século XXI.
As razóns que se deberan considerar para non abandonar e mesmo ampliar as emisións en HF (entre outras) seguen a ser razóns vitais:

1º É un respaldo crucial nunha crise como pode ser a falta de electricidade ou para as consecuencias de desastres naturais que sucedan por cuestións climáticas.

Habería que pensar tamén naquelas persoas que están en lugares con carencia ou inexistencia de infraestruturas de radio como o rural ou en alta mar ou noutros países con problemas de todo tipo.

Cando se insufla o medo na xente cunha posible guerra dispor destas emisións ante a posible caída da rede eléctrica entre outras, sería necesario contar cun tipo de comunicación coa poboación xeral.

Non hai que esquecer tampouco a importancia da información que se pode emitir cara lugares onde as fontes máis ou menos imparciais ou son escasas ou non existen.

Non imos entrar agora pero si mencionar os problemas asociados á manipulación nas redes sociais (mesmo as posturas neofascistas dos seus propietarios).

Eficiencia enerxética e de cobertura. En caso de necesidade a utilización de HF requiriría moi pouca enerxía dando cobertura a amplísimas zonas en comparación aos centros de repetidores necesario para as emisoras de FM ou a futura DAB con aínda menor cobertura e que desaparecen ante a falta de electricidade. En caso de emerxencia sería doado achegar información das autoridades a través da radio mesmo dende lugares situados fóra da zona en emerxencia.
Por outra banda os receptores poden ter baterías de longa duración e sinxelas de recargar.

Simultaneamente estanse a investigar novas tecnoloxías nestas bandas de HF como a súa dixitalización con mellor calidade de son e posibilidade de transmisión de datos.

En resumo, pódese considerar perigoso abandonar determinados usos da radio por entidades públicas, e mesmo sería aconsellable ampliar esa cobertura cunha maior ampliación deses usos tanto para o día a día como para ocasións de emerxencia.

Deixa un comentario