Un grupo de nenas e nenos de 8 anos de Baralla estiveron a falar co Apalpador por radio dentro do festival de despedida do ano 2025.
Os 11 alumnos e alumnas do colexio de Baralla usaron 11 walkies na frecuencia de 446.031 quiloherzios, unha frecuencia de uso libre que O Apalpador tamén usa. Fixéronlle moitas preguntas non só a nivel persoal senón tamén sobre o seu traballo tan especial que leva a cabo todos os fins de ano.
Persoas maiores consultadas das comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos ou Terra de Trives ademais das dos Ancares sinalan, segundo os estudos feitos por distintas asociacións, que este xigante carboeiro cada fin de ano baixa do Caurel e dos Ancares para visitar nenos e nenas tocándolles a barriguiña pra ser se comeron abondo durante o ano, deixándolles ademais dunha presada de castañas algún agasallo, desexándolles ademais que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, bisbándolles tamén “así esteas todo o ano”.
A figura da Apalpadora tamén se deixa ver cada vez máis logo das testemuñas que falan da presenza feminina desta figura da tradición galega chamada tamén Apalpadoira na comarca do Bierzo.
Unha das preguntas que lle fixeron foi a de se era certo que os nenos e nenas de Galiza se esqueceran del. A súa resposta foi acorde coa recuperación que se está dando deste personaxe por toda a xeografía galega.
Pero o momento máis emocionante deuse cando o Apalpador se prestou a viaxar á velocidade das ondas de radio (a da luz) para achegarse ao centro educativo. Tal e como se pode ver no vídeo, o alumnado non resistiu a tentación de achegarse ás ventás da sala de audiovisuais e darlle a benvida ao protagonista galego da fin de ano. Unha vez no interior do centro as peticións non se fixeron agardar e todo o mundo quería que fora a súa casa.