METEOROLOXÍA ESPACIAL E A RADIO


A vida na Terra non sería posible sen a luz e a calor da estrela máis próxima de todas as que hai na nosa galaxia, o Sol. A nosa estrela está constantemente activa mediante distintos fenómenos e ciclos solares que afectan á radio e ás comunicacións en xeral.


O astrónomo Carrington en 1859 observou como, 17 horas despois de ver un enorme destello de luz no sol, o telégrafo deixaba de funcionar. En marzo de 1940 as comunicacións por radio cortáronse debido a unha supertreboada xeomagnética no ciclo solar 17; en 1972, a rede eléctrica e de comunicacións de norteamérica viuse afectada ao igual que ducias de minas de Vietnam que estouparon simultaneamente; en marzo de 1989, 6 millóns de persoas en Canadá e EUA quedaron sen electricidade debido á actividade solar; en outubro de 2.003 sucedeulle o mesmo a Sudáfrica; no ano 2.006 houbo un fallo do GPS a nivel mundial debido ao Sol e en 2.015 en Suecia e noutros países europeos o radar do control aéreo viuse moi afectado.


No ciclo solar 14, en Galiza segundo o observatorio xeomagnético de Coímbra o 31 de outubro de 1.903 as comunicacións telegráficas, especialmente en Vigo, víronse afectadas durante unhas 10 horas ao igual que ás do resto da península ibérica, especialmente as orientadas de norte a sur e moito menos ás orientadas de leste a oeste. Indicar todos os sucesos que provoca o sol a este respecto sería demasiado extenso pero dános unha idea da importancia da Meteoroloxía Espacial.

Para simplificar son 3 os tipos de actividade solar máis importante para o tempo espacial.


1. Liberación de radiación electromágnética. O sol emite ondas de todo tipo: son fulguracións se emite raios X, ultravioleta ou hidróxeno alfa (esta pódese ver como luz vermella visible) e tamén ondas de radio (en case toda as frecuencias e, polo tanto, podémolas recibir nos aparellos de radio). A intensidade destas emisións que tardan uns minutos en chegar á Terra, mídense nos niveis A, B, C, M e X. Nos niveis maiores provoca que os sinais de radio en HF poidan mesmo desaparecer a longas distancias.

2. Execcións de masa coronal (EMC). A masa exterior da coroa solar, a capa máis externa, ou plasma é expulsada xunto cos seus campos magnéticos cara o espazo e pode chegar e impactar contra a Terra a onde chega entre un e catro días.

Os efectos das execcións máis fortes de EMC poden provocar fallos ou destrución de satélites, nos sistemas de navegación (GPS) e comunicación (radio), nas redes eléctricas ( ao inducir correntes eléctricas intensas) e auroras boreais e austrais en moitas máis zonas das habituais.

Ao poder afectar aos transformadores e baterías (que tardarían meses ou anos en recuperarse) mesmo tamén poderían verse afectados os centros de datos almacenados.

A Axencia Espacial Europea (ESA) decatándose da importancia de previr estes fenómenos e dar a alerta temperá no caso dunha EMC vai levar a cabo a misión Lagrange para as previsións do tempo espacial.

As EMC modifican o campo magnético terrestre formando treboadas xeomagnéticas. Para ser un treboada ten que ter unha intensidade de máis de 100 nanoteslas (índice Dst). Na treboada de Carrington medíronse na India 1720 nT. En Galiza en maio de 2024 cando se viron auroras boreais chegouse a un pico de 400 nT.

Tamén se utiliza o Índice Kp: vai de 0 a 9. Entre 0 e 2 temos calma, dende 5 considérase unha treboada e se chega a 8 e 9 xa é extrema. En maio de 2024 durante algunhas horas concretas alcanzouse o índice Kp 9, o máximo dentro do ciclo solar 25

A Axencia NOAA dos EUA utiliza os niveis G1, G2, G3, G4 e G5 onde podería haber cortes de subministro eléctrico masivos.

3. Emisión de partículas enerxéticas. Son partículas (sobre todo protóns ou electróns entre outras) que se aceleran a velocidades próximas á da luz e non veñen só do sol, tamén do resto do universo. Esta radiación é moi perigosa, sobre todo, para as misións espaciais e os pasaxeiros de avións especialmente os que circulen polos círculos polares (xa que a atmosfera a esa altura xa non protexe).

Mídese en Sv (Sievert): 1 Sv é unha dose moi grande propia de accidentes nucleares polo que as unidades de medida soen ser os mSv (miliSv) que recibimos en tratamentos médicos (radiografía de tórax 100–200 µSv) ou nos voos aéreos de 8 horas ( 0,03–0,08 mSv ou 30–80 µSv). Durante unha treboada solar estas doses poden triplicarse.

A dose media anual natural (por radiación do chan, do espazo e alimentos) é arredor de 2–3 mSv ao ano en moitos países. As persoas traballadoras da aviación teñen límites regulamentarios en torno a 20 mSv/ano de exposición máxima permitida.

Estaría ben cando fora necesario que coa información do tempo meteorolóxico de cada día puideramos recibir tamén o tempo espacial.

Deixa un comentario