ESTACIÓN DE RADIO NO COLEXIO DE BARALLA


O colexio de Baralla xa conta cunha estación de radio para 27 MHz (banda de 11m) coa que iniciar os contactos con outras estacións arredor do mundo. ARCOA, a Asociación de Radio Comarca Os Ancares a través de dous dos seus membros, Brais e José Ángel, foron os encargados de dirixir a actividade.


A través dun obradoiro de radio instalaron unha antena Sigma Mantova de 7 m de altura e 8 radiais no tellado da aula de radio do colexio. Usarán na estación de radio unha emisora President Lincoln. Previamente os 20 nenos e nenas que participaron na montaxe tiveron que aprender a recoñecer as bandas de radio dende uns poucos hercios até os 500 MHz. En dúas desas bandas de uso libre, 11 m (27 MHz) e 70 cm (446 MHz ou PMR) tiveron que aprender tamén a manexar os equipos ademais de iniciarse no manexo dos medidores de estacionarias, imprescindible para un bo axuste das antenas.


A excesiva calor a partires de media mañá impediu a instalación dunha antena dipolo, feita no pasado curso para facer unha comparativa dunha antena mercada e estoutra feita con moi pouco material. Pero unha vez xa no interior da aula estiveron a aprender das preguntas que lle fixeron a José Ángel.


A partires deste momento o alumnado terá que escoller o nome da nova estación e adestrarse para establecer contactos nas posibles comunicacións con persoas de todo o mundo. Até o de agora puideron recibir estacións de radio comerciais de todos os continentes exceptuando a Antártida (non foi posible que escoitaran a única estación arxentina). Pero será a partires de agora cando poderán comunicarse con persoas radioafeccionadas.

Ademais ábrese unha nova posibilidade: poderán facer unha instalación de radio nas súas propias casas. Pero iso será no vindeiro curso.

Tamén quedará para dentro duns meses a posibilidade da recepción de sinais de globos meteorolóxicos (xa fixemos a proba visitando Meteogalicia), da Estación Espacial Internacional (xa a recibimos nunha ocasión con tan só un walkie) e os satélites meteorolóxicos e de radio.

Deixa un comentario