Xa que na eclipse deste luns 8 de abril en América do Norte a Lúa, se converte na protagonista diremos dela que xa é casualidade que sexa 400 veces máis pequena que o Sol e que tamén estea do sol 400 veces a súa distancia á terra. Esta coincidencia permite a posibilidade de que unha eclipse solar poida ser total.
Grazas tamén aos retroreflectores láser instalados na súa superficie sabemos que se afasta da Terra a un ritmo de 3,8 centímetros por ano. Sendo así chegará un momento no que, vista dende a Terra a Lúa non poderá facer sombra por completo ao Sol. A última eclipse solar total da historia da Terra producirase en 200 millóns de anos e durará un segundo. Así e todo hai demasiadas variables para predicir este feito a tan longo prazo e non queda outra que falar de probabilidades.
Nunha eclipse tres corpos celestes están perfectamente aliñados e o día convértese en noite e de súpeto aparece unha luz: a coroa solar. É débil, quente e dinos que estamos conectados á nosa estrela por algo máis que a súa luz. O Sol evapórase e as súas partículas en forma de vento viaxan por todo o Sistema Solar.
Pero o fascinante é que grazas aos rexistros históricos de eclipses que ocorreron hai miles de anos, é posible medir o cambio da velocidade de rotación do noso planeta. A duración do día non foi constante ao longo da historia da Terra.
Así, sábese que a Terra xira agora máis lentamente, o que se traduce en que os días sexan máis longos. É máis grazas á Lúa os días pasaron de durar hai millóns de anos tan só unhas 14 horas ás 24 actuais o que posibilitou a aparición da vida tal e como a coñecemos.
Tamén se está a investigar os procesos que contribúen á diminución da velocidade de rotación do noso planeta a longo prazo: derretemento dos glaciares, interaccións magnéticas entre o núcleo fundido e o manto no interior da Terra ou a disipación de calor debido ás forzas das mareas que sabemos que aumentan a duración do día de media 2,3 milisegundos cada 100 anos.
Aquí, na Galiza poderemos gozar dunha eclipse total de sol dentro de 2 anos, no 2026.
Estudaranse os cambios na parte superior da atmosfera terrestre, a ionosfera. Por alí pasa gran parte dos sinais de comunicacións. As perturbacións nesta capa poden causar problemas para o GPS e as comunicacións en xeral. Os contactos a longas distancias que facemos coa radio lévanse a cabo nos rebotes das ondas nesta capa.
A ionosfera é afectada polo Sol: cárgase de electricidade baixo a radiación solar durante o día. Tres pequenos foguetes de sonda lanzaranse antes, durante e xusto despois da eclipse para medir estes cambios.
A redución da luz causada pola eclipse, que é máis rápida e localizada que nun solpor, debería proporcionar unha mellor comprensión de como afecta a luz á ionosfera.