Comunicacións de emerxencia

cando a telefonía e internet fallan.


En Ribadesella, Asturies, acábase de elaborar un manual de comunicación cos habitantes do concello en caso de calquera tipo de emerxencia onde a falta de electricidade supoña o non funcionamento da telefonía móbil, internet ou as emisoras públicas de radio.

O que chama a atención é que para dar eses comunicados utilizarán frecuencias de uso libre para toda a xente como a banda cidadá (CB) nos 27 MHz ou 11 m. e tamén os canais de PMR (446 MHz ou 70 cm). Estas frecuencias cos equipos necesarios tan sinxelos e accesibles como os walkies son as usadas por afeccionados a radio que farán de voluntarios para facer chegar as mensaxes aos lugares máis afastados na zona rural.

Paralelamente hai un canal tanto en CB como en PMR de escoita continua para emerxencias.


Ademais usarán como complemento o sistema Meshtastic, un sistema de comunicación que funciona con pequenos módulos electrónicos de acceso libre que poden enviar e repetir mensaxes curtas creando unha rede de usuarios sen precisar torres nin operadoras. As mensaxes viaxan de salto en salto ata chegar ao destino. Cada nodo actúa como repetidor. Conéctase ao móbil por bluetooth cunha aplicación propia.

En Ribadesella establecéronse uns horarios de transmisión:

8 -12 – 16 – 20 horas, boletíns emitidos en CB (canle 3), PMR (canle 3), VHF (145,5 MHz) e Meshtatic

Repetición da mensaxe: 3 veces con pausas de 1 minuto.

Avisos extraordinarios: emítense de inmediato e repítense cada 15 minutos durante 1 h.

Canles de emerxencia (CB 9 e PMR1): monitoreo continuo por persoas voluntarias.

Que fai cada quen?

Voluntarios CB e radioafeccionados: copian e transmiten boletíns nas zonas rurais.

Veciñas con PMR: escoitan e usan a canle 1 só para emerxencias.

Comités locais: publican os comunicados en centros comunitarios (prazas, centros sociais, etc).

E en Galiza?

No concello de Manzaneda (ou Maceda?) Protección Civil presentou unha iniciativa usando a canle 7 e subtón 7 para os servizos de montaña pensado para o uso libre de deportistas e visitantes en xeral. “Que nós saibamos somos un dos tres grupos de emerxencias a nivel estatall que teñen implantado este sistema e o primeiro de Galicia. Permite comunicarse en zonas nas que, pola súa orografía, non podería usarse outros sistemas de comunicación tanto de telefonía móbil, como doutros sistemas de comunicación vía radio”, explican dende Protección Civil de Manzaneda.

Pra todo isto sempre será necesario manter un equipo de radio CB ou PMR con baterías, xusto como temos no noso colexio.

Deixa un comentario