CICLO SOLAR 25 MOI INTENSO

Pensábase que o novo ciclo solar tería unha actividade moi feble pero as novas predicións sinalan xusto o contrario: o ciclo solar 25 será moi intenso cun máximo en xullo do 2025.

As reaccións nucleares do sol provocan uns campos magnéticos moi intensos. Na súa superficie hai lugares con maior intensidade ca outros, son grandes manchas solares “escuras”. Estas manchas varían de tamaño, desaparecen e aparecen e soen aparecer en parellas con polaridades opostas formando así xigantescos imáns.

O número de manchas solares (número de Wolf) é unha medida da actividade do sol. Esta actividade varía seguindo un ciclo de 11 anos. En realidade o ciclo é de 22 anos (ciclo de Hale) que é o que lle leva ao sol unha inversión completa do seu campo magnético.

Ao comezo ou finais dun ciclo a superficie do sol está limpa de manchas (mínimo solar) pero pouco a pouco vai aumentando o número a altas latitudes cara o ecuador alcanzando un máximo solar.

Puidéronse recoller medidas directas do número de manchas solares dende o século XVII. Ademais este número puido ser tamén deducido a través doutros sistemas dende os últimos 11.000 anos formando unha base de datos dos máis completos da astronomía.

A maior número de manchas solares maior actividade solar e maior probabilidade de treboadas solares. A esta actividade afecta á Terra, afecta á nosa actividade, a radio.

Número de manchas solares en novembro de 2022. 
Royal  Observatory of Belgium

O número de manchas solares pasou de ningunha moitos días en 2019 a unha media de 8 en 2020 chegando a 30 nos últimos meses. Ao longo do 21 e 22 falamos xa de máis de 100 manchas.

Manchas solares entre 1980 e 2020, con previsión ata 2030

Agárdase que no 2025 se poidan chegar a superar as 200 manchas, case o dobre do que se estimaba nun primeiro instante. Será pois un ciclo especialmente activo. Ao igual que a meteoroloxía tradicional onde son moi difíciles os prognósticos a meteoroloxía solar é igual de imprevisible e os modelos non poucas veces fallan.

Para a radio supón un ciclo apaixoante xa que a actividade solar ioniza as capas da atmosfera terrestre que funcionarán como un espello para as ondas de radio durante moitas horas do día e da noite para permitir escoitar ou falar con moitos países do mundo sexa cal sexa a súa ubicación.

Pero tamén supón un perigo xa que as treboadas, erupcións ou execcións solares poden danas os sistemas de comunicacións (como os satelitais ou de internet), as redes de distribución de electricidade ou os equipos tecnolóxicos. De aí a vital importancia de facer un profundo seguimento.

Observa o noso vídeo sobre este asunto.

1 comentario en “CICLO SOLAR 25 MOI INTENSO”

Deixa un comentario