DAB+ (FM) ou DRM (HF)?
Radio Nacional en decembro do 2025 deixou de emitir en Onda Media (AM – 500-1.500 QHz-) ao igual que algunhas outras emisoras como a SER nalgunhas localidades. Isto tamén sucede ao longo e largo de Europa. A FM (85-108 MHz) parece que pode correr o mesmo destino ao deixar de ser utilizada nalgúns países.
As razóns que se dan para deixar de usar esta banda falan de baixa audiencia por un lado (menos do 5%) e por outro lado da inxente cantidade de enerxía que consumen (entre 1 e 500 QW de saída a antena) e múltiples emisoras repartidas pola xeografía. Ademais a calidade de son non é moi boa e non é posible enviar datos complementarios co sinal de radio.
As alternativas posibles.-
Na encrucillada da transición dixital na radiodifusión, dúas tecnoloxías, o DAB+ e o DRM, preséntanse como candidatas para modernizar a radio. A elección entre as dúas non é trivial, especialmente cando os criterios decisivos son a cobertura total e a resistencia ante fenómenos meteorolóxicos, desastres naturais ou fallos masivos nas infraestruturas.

• DAB+ (Digital Audio Broadcasting Plus): usa as frecuencias de VHF (174-240 MHz). Ten a característica que nunha mesma frecuencia podería transmitir até 24 canles de radio diferentes ademais de achegar datos como textos explicativos, imaxes, nomes dos artistas e cancións, información meteorolóxica ou de tránsito, etc. A calidade de son pode ser mellor que a actual FM.
Conta tamén cun sistema de alerta de emerxencia que anula a programación habitual con mensaxes de texto e audio, mesmo se a radio está apagada. É moi precisa xa que só avisa ás zonas afectadas.
É máis eficiente e robusto que a radio analóxica tradicional e cada vez se implementa máis en vehículos e dispositivos modernos.
As súas vantaxes son:
• Calidade de son superior. Audio con calidade de CD ou mesmo mellor.
• Alta capacidade. Unha única canle de transmisión pode albergar entre 9 e 24 programas de radio diferentes, desconxestionando o dial.
• Amplo despregamento no mundo desenvolvido: É o sucesor natural da FM en Europa, Australia e partes de Asia, cunha ampla gama de receptores no mercado.
Os seus inconvenientes serían:
• Cobertura custosa. Chegar ao 100 % da xeografía implica un gasto enorme. A súa cobertura é escasa xa que só chega ata a liña de visión, polo que se necesitarían instalar múltiples repetidores para unha cobertura total.
• Vulnerabilidade a desastres. Un desastre natural podería inutilizar as emisoras do mesmo lugar ao que debera dar cobertura polo que se trata dun punto débil crítico.
• Dependencia do espectro. Necesita un novo espazo do espectro radioeléctrico, un proceso que adoita ser político e complexo.

• DRM (Digital Radio Mondiale): En AM, é un estándar de transmisión de audio dixital que permite enviar son, datos (texto, imaxes) e alertas de emerxencia de alta calidade nas frecuencias máis baixas, as coñecidas como “onda curta, onda media e onda longa”, reutilizando os transmisores analóxicos xa existentes.
Vantaxes:
• Cobertura ampla e económica: A súa maior vantaxe é que o DRM pode funcionar en bandas de radio existentes (e outras). Isto permite a reactivación e dixitalización da infraestrutura herdada (potentes transmisores de onda media e curta). Unha soa emisora de onda media pode cubrir un radio de ata 2.000 km, chegando ás zonas máis remotas e montañosas cun investimento relativamente baixo en modernización, non en construción nova.
• Resiliencia excepcional: A súa funcionalidade de aviso de emerxencia permite a interrupción de todas as transmisións para emitir alertas vitais con texto e imaxes. Nunha catástrofe con cortes de internet e rede móbil, estas emisoras de longo alcance, que a miúdo teñen robustos sistemas de alimentación de reserva, convértense na última fonte de información para a poboación. Ademais pódense usar tamén aqueles que non estean preto da zona á que é necesario dar cobertura urxente.
• Transición gradual: Permite unha migración suave con sinais “híbridos” (analóxicos + dixitais), protexendo aos oíntes con radios máis antigas mentres se desprega a nova tecnoloxía.
Inconvenientes:
• Calidade de audio: Aínda que supera con creces á AM analóxica e se achega á calidade de son FM, a súa calidade non alcanza ao DAB+.
•Aínda que está a medrar, a oferta de radios DRM segue a ser menor que a do DAB+, un punto esencial para a súa aceptación.
• Menor capacidade multiprograma: unha canle DRM típica admite entre 1 e 4 programas simultáneos, moi por debaixo da capacidade de DAB+.

Conclusión
Para unha cobertura e resiliencia total o DRM sería o ideal para un servizo público. Pero hai que indicar que os responsables das decisións non están a ter en conta este aspecto.
Así pois, as decisións favorecen o DAB+. A falta de electricidade do 28 de abril do ano pasado non parece ternos ensinado nada neste aspecto. Probablemente a mellor decisión puidera estar no uso de ambas alternativas pra que ninguén quedara illado.
Os desexables futuros receptores de “radio intelixente”, capaces de sintonizar HF, VHF, DAB+ e DRM, serían a ponte perfecta entre ambas as tecnoloxías.
Por que a aviación usa na banda de VHF (118-137 MHz) o modo AM?
1. Mellor recepción de sinais débiles e simultáneos: en AM, se dúas estacións transmiten na mesma frecuencia, a máis forte non tapa completamente a máis débil. Un controlador de tráfico aéreo pode escoitar, mesmo de fondo, a chamada dun piloto distante mesmo se outro piloto máis próximo está a falar. En FM, o sinal máis forte suprime completamente o máis débil, o que pode provocar que unha chamada de emerxencia pase desapercibida.
2. Menor ancho de banda por canle: unha canle de voz AM ocupa 8,33 kHz en FM serían 15-20 kHz. Isto permite aproveitar mellor o espectro de VHF dispoñible, un recurso moi escaso e valioso.
3. Os transmisores e receptores AM son máis sinxelos e menos susceptibles a certas distorsións, polo tanto son máis fiables e de doado mantemento.
